Skip to topic | Skip to bottom
Home
Search:

Local
Local.CmiGalizaEncontrosCMI20041009Glr1.6 - 12 Nov 2006 - 18:05 - AndrejrCraksontopic end
You are here: Local > ImcGaliza > CmiGalizaEncontrosCMI > CmiGalizaEncontrosCMI20041009Gl

Start of topic | Skip to actions
<<< Voltar á páxina dos encontros do CMI Galiza
Galego-Português | Galego (RAG) | Español | English

DATOS DO ENCONTRO:

* Data: Sábado 9 de outubro de 2004 ás 10:30 para comezar a falar ás 11:00.

  • Lugar: Será na Casa Encantada de Compostela
  • Obxectivos:
    • definir a xestión do nodo galego
    • definir un posicionamento colectivo sobre o proxecto cmi-portugaliza
  • Temas:
    • política editorial (idioma, novas a borrar...)
    • xestion editorial (borrado, temporalizacion de editoriais, ...)
    • sistema de filiación
    • funcionamento das listas (salvar algúns 'escollos' que temos)
  • Encontro aberto: Non terá lugar encontro aberto nesta ocasión, se ben será tratada a cuestión de organizar un encontro próximamente para presentar o proxecto ás personas interesadas nel, en especial para aquelas que están pendentes de seren inscritas na lista.

RESUMO DO ENCONTRO:

O encontro tivo lugar na Casa Encantada de Compostela. Participaron nel todas as personas activas nas listas agás Pedradome (excusou asistencia) e Lehia. O encontro prolongouse durante oito horas ininterrumpidas aproximadamente que poderán ser menos se no sucesivo tratamos de ser un pouco menos "gualdrapas", un novo termo que ao parecer se aplica á impuntualidade debida a motivos do máis diverso ;). Afortunadamente esta cuestión non impediu que o encontro se desenvolvera con normalidade, de modo que os obxectivos plantexados para este encontro foron acadados con suceso: tanto a xestión do nodo como un posicionamento colectivo sobre o CMI Portugaliza foron definidos de forma consensual nun positivo clima de concordia.

Dada a urxencia da cuestión, o encontro comezou cunha exposición dos feitos relativos ao secuestro por parte do FBI do servidor Ahimsa no que se atopaba o CMI Galiza. Seguidamente tratouse a cuestión da língua que demostrou a vontade de todas as partes por clarificar os respectivos posicionamentos e comprender os alternativos. Despois trataronse diversas cuestións sobre a xestión do nodo: estructura, listas, contidos e demais. Finalmente tratouse o asunto do CMI Portugaliza, dando por rematado o encontro coa chegada da Gabriela Sol acompañada dos seus progenitores.


0. AHIMSA/ FBI

Aínda que non estaba na orde do día, foi preciso tratar o secuestro do sitio de publicación aberta do CMI Galiza por parte do FBI. Tras unha breve exposición dos feitos coñecidos até o momento, fixemos unha evaluación da situación.

0.1 Evaluación técnica

No que se refire á cuestión técnica, é positivo constatar que a rede continúa funcionando, a pesar de que algúns CMI caeron. Constánse as vulnerabilidades dos sistemas de publicación aberta centralizados que foran expostas previamente a esta acción do FBI:

http://lists.indymedia.org/pipermail/imc-galiza/2004-September/0929-rc.html

, e foron sinaladas ademais vulnerabilidades na política de cópias de seguridade. Para ultrapassar estas vulnerabilidades, foi consensual continuar co proceso de migración a un CMS baseado no sistema MIR, que separa a producción de contidos da súa visualización e permite a replicación dos contidos en diversos servidores, de forma que a caída dun deles non implicará a caída do conxunto. É posibel afortalar o CMI reforzando a distribución do sistema sobre os recursos que disponibilicen os distintos centros sociais da Galiza tanto para producción como para visualización de contidos e hospedaxe de copias de seguridade redundantes. Esta cuestión terá que ser exposta aos distintos centros sociais galegos, dadas as implicacións legais que conlevaría a integración na rede Indymedia.

Foi definido como obxectivo prioritario restablecer a publicación aberta. Posto que a segunda fase do CMI (dende a súa integración na rede Indymedia até o inicio do proxecto conxunto co CMI de Portugal) estaba deseñada sobre o sistema MIR, foi decidido partir daquela instalación.

Tanto a estructura como o deseño do sitio partirán da configuración inicial que estaba baseada en criterios de seguridade, ecoloxía dixital e accesibilidade para personas discapacitadas. En todos os seus aspectos deberá ir sendo modificada según o criterio do colectivo editorial.

Os datos irán sendo recuperados progresivamente ao tempo que sexan disponibilizadas as copias de seguridade existentes, previsibelmente en tres fases:

  • Datos dende a posta en marcha até decembro do 2003 (galiza)
  • Datos dende xaneiro do 2003 ao 31 de xulio de 2004 (portugaliza)
  • Datos dende o 31 de xulio de 2004 até o secuestro do CMI Galiza (será preciso consensuar esto co FBI wink

0.2 Evaluación política

Sabíamos que o uso estratéxico das tecnoloxías da información e da comunicación era chave para ultrapasar o discurso uniformizador dos meios de comunicación de masas. Ese discurso está orientado a perpetuar un sistema de explotación dos recursos que xenera desigualdades e inxustiza social, antepoñendo o beneficio dunhas elitas á supervivéncia da humanidade.

A intervención do FBI é a demostración de que cinco anos despois esta estratéxia está conseguindo os seus obxectivos. Constatamos que Indymedia é agora obxectivo militar, e somos conscientes de que como artífices e voluntarios deste proxecto, nós somos o obxectivo a derrubar. Mais se algo debe quedar claro é a nosa vontade decida para continuar. Non nos calarán pola forza.

Estimados vixiantes: comunicádelle aos vosos xefes e xefas que non terán máis remedio que escoitarnos. O CMI Galiza continúa!!


1. LÍNGUA

Apesar de que en principio a a raiz do encontro pensouse en implemetar tamén unha versión do Galego AGAL (çom) nas opcións linguísticas do CMI-Galiza, logo dunha proposta realizada na lista en relación à sua proximidade à norma ortográfica do português padrón, decidiuse non incluir de momento esa opción ainda que ficou a ideia no ar de que poida ser implementada nun futuro se asim se decidir, Finalmente foi consensual a decisión de estabelecer unha estructura multilíngüe para disponibilizar o nodo baixo as seguintes denominacións:

- português (galego) - galego (RAG) - español - english

sendo esta última a opción por defecto no camiño de entrada ao CMI tal como se mostra no gráfico que se xunta: cmigaliza_consenso.jpg .

Para evitar interpretacións incorrectas das posíbeis anomalías no funcionamento ténico do nodo, os sustos administrativos en forma de mensaxes dos tech irán en português-galego.

En todo caso, e na medida dos recursos disponíbeis, aplicar-se-á o acordo ortográfico consensuado a outras áreas da xestión do CMI Galiza como son as listas, formulários, locais twiki de traballo, etc... Na altura poderan-se aproveitar os recursos en português-galego que xá están a funcionar noutros nodos, nomeadamente no CMI Portugal. Ademais contamos tamén cos recursos ofrecidos por organizacións lingüísiticas como o MDL e con novas incorporacións ao CMI Galiza que poder contribuir de forma sólida nesse sentido.


2. XESTION DO NODO

2.1 Listas de distribución de correo

A xestión do nodo realízase a través dunha lista pública (arquivo de mensaxes público, sen moderación) como canle de participación para todos os aspectos da xestión do nodo (contidos, tech e demais). As personas inscritas nesta lista conforman o colectivo xestor do nodo galego (ou como queira que se acabe chamando).

O proceso de filiación de novos membros iníciase enchendo un formulário que mostre a concordáncia cos critérios do CMI, preferéncias de voluntarización e unha mensaxe de presentación. O resultado do formulário é distribuído na lista e unha vez que non sexan plantexadas obxeccións, a persona é convidada a se inscreber nela.

Adicionalmente existe unha segunda lista con arquivo de mensaxes privado como lista de reserva para situacións onde sexa preciso discutir cuestións que requiran temporalmente unha canle de maior privacidade. É preciso o uso de contas de correo confiábeis para participar nesta lista.

Un glosario de termos referentes ao CMI é necesario para facilitar a posta en común e o proceso decisional.

Sendo solventadas as diverxéncias dos últimos meses, retírase o bit de moderación a quen o tiña activado (Luis M., José Ramón e Lars Gonçalves) que ademais serán inscritas na lista privada pasando a formar parte do colectivo editorial galego. Entendendo que existe boa vontade por parte de camaleon para participar no nodo, e considerando que a súa participación é interesante para o nodo, fica pendente un encontro con él para resolver o que teña que ser esclarecido.

2.2 Encontros

Ademais dos necesarios encontros do colectivo editorial cunha periodicidade mínima trimestral, haberá encontros abertos orientados á participación das personas inscritas na lista ademais das personas interesadas no proxecto.

2.3 Política editorial

Debemos favorecer a incorporación de contidos lúdicos: arte, boas notícias, e demais aspectos da nosa realidade que por ser positivos nunca son notícia.

Focamos os editoriais como reflexións colectivas. O seguimento de conflictos que se prolonguen no tempo (direitos humanos, cárcere, SIDA/VIH, etc) serán mellor soportados a través de dossieres. O seguimento de acontecementos actuais será a través dos especiais de portada, que despois poderán convertirse en editoriais ou dossiers.

Propúxose un sistema rotativo para a publicación de editoriais de forma a garantizar a publicación de un editorial ao mes por cada integrante do colectivo editorial. Agás casos excepcionais, unha vez transcurridas vintecatro horas dende a proposta editorial sen que foran plantexadas obxeccións o editorial é publicado.

Para dinamizar a publicación de destaques sempre deberá haber unha equipa rotativa de dúas personas encargada desta tarefa.

A moderación da publicación aberta plantéxase como un reto non exento de dificultades. Definímolo como un traballo rotativo e autónomo baseado nos principios da publicación aberta. A discusión sobre moderación deberá continuar no colectivo editorial.

2.4 Roles

Iniciouse unha interesante discusión que deberá continuar sobre a distribución de roles e a conformación de equipas de traballo especializadas. Novas orientacións como a relación con colectivos do noso entorno deberán ser postas en marcha. Accións formativas son precisas en diversos eidos que afectan ao CMI. Fomentar corresponsalías para mellorar a nosa cobertura informativa. E outras que irán sendo definidas no sucesivo.


3. PORTUGALIZA

O feito de termos clarificado consensualmente e nun clima de aberta concordia a cuestión ortográfica do nodo galego elimina o principal obstáculo para avanzar no proxecto dun CMI Galiza conxunto. Valoramos positivamente esta idea posto que estamos convencidos de que sería un erro perder a oportunidade histórica de engarzar as nosas redes.

Cremos que é fundamental que a lista sexa desconxelada e con ela o proxecto conxunto, mas constatamos que sería imprudente facelo antes de que transcurra un tempo mínimo para consolidar os profundos cambios na xestión do nodo galego que foron propostos neste encontro.

Pensamos que é preciso traballar sobre proxectos concretos de forma a ilusionar dificultando o desánimo ao tempo que evitamos interferencias sobre as dinámicas internas dos nosos nodos, que deben ser sempre resoltas nas súas respectivas listas. Tratando de definir o que podería ser un proxecto conxunto que se poida materializar no dominio portugaliza.indymedia.org, foi plantexada a idea dun CMS baseado no Livre que recolla as propostas editoriais de ambos nodos de forma automática meiante sindicación, disponibilizando ademais un repositorio conxunto de recursos multimedia.


4. PENDENTES

  • Elaborar un editorial sobre a movida do FBI
  • Encontro con camaleón
  • Recuperar o texto que había en galego RAG sobre política editorial, traducilo e mais engadir un chamamento insistindo en que nos reservamos o dereito de moderar.
  • Disponibilizar o formulario para inscrición de novos membros. En caso de que non sexa posibel recuperar o listado de inscricións pendentes, plantexouse a posibilidade de publicar un editorial chamando á participación.
  • Mirar a posibilidade de visibilizar os comentarios na coluna dereita à la Livre.
  • Consensuar ao FBI a recuperación dos datos que se levaron wink


5. ADDENDAS

Sindicación

Ademais de manter a sindicación dos editoriais publicados polo CMI de Portugal, incluiremos o logo do proxecto telemático Causaencantada, substitundo a imaxe de protesta contra as patentes que ligaba aos Indy-Pontos Manteremos o enlace ao proxecto dos Indy-Pontos no que se listarán os centros sociais que se integren na rede de Indymedia compartindo os seus recursos.

Migración

No momento en que se publica este resumo do encontro, o FBI devolveu os discos duros que conteñen os datos até o día do secuestro. Ademais dispoñemos dunha copia de seguridade completa até o 5 de outubro de 2004, ou sexa, até dous días antes da intervención do FBI. A comunidade tech da rede Indymedia está a avaliar nestes momentos a mellor estratéxia para a recuperación dos datos, en función das conclusións procedemos dunha forma ou de outra. Decidimos dar prioridade ao inicio da publicación aberta sen datos previos na base de datos. Serán recuperados cando exista unha decisión colectiva ao respecto. A estructura responde a este esquema:

  1. Cabeceira: logo en formato ASCII ou sexa: (((i)))
    1. Subtítulo:
      1. galiza.indymedia.org
      2. CMI Portugal
  2. Coluna esquerda:
    1. PUBLICA (premendo ahí entrase no formulario de publicación)
    2. Espazo para destaques
    3. Listado de notícias composta de grafico (indicando se conten texto, imaxes, audio ou vídeo),
    4. título da noticia, comentarios e data de
    5. publicación.
    6. Arquivo de noticias: (premendo ahí entrase no arquivo de noticias onde aparecen todas as que foron publicadas)
    7. Coluna central:
      1. Listado de editoriais (aparecen os editoriais compostos de título, foto e resumo. Premendo no título entrase no editorial completo)
      2. Arquivo de editoriais (o mesmo que para o arquivo de noticias)
  3. Coluna direita:
    1. Participa! (enlaza ao twiki no idioma corresponte)
    2. NM (non enlazará á plataforma até que se decida outra cousa)
    3. Idiomas (sobre fondo gris para que non se vexa tanto, a petición de Luis no encontro)
    4. Logo do cabalo (enlaza ao proxecto telemático)
    5. Publica nos indypontos (o enlce mostra os indipontos: casa encantada, a cova dos ratos...)
    6. Tópicos (os que vos pasei no correo anterior, premendo sobre o tópicoentrase no arquivo de notícias sobre ese tópico)
    7. CMI Portugal: editoriais do CMI de portugal (esto aínda non funciona, pero funcionará en breve)
    8. Rede Indymedia: (listado de CMI do planeta)
  4. Pé de páxina:disclaimer legal


to top

I Attachment sort Action Size Date Who Comment
cmigaliza_consenso.jpg manage 156.0 K 09 Oct 2004 - 23:08 StrafWetBoek Esquema (técnico) consensuado do CMI Galiza

Local.CmiGalizaEncontrosCMI20041009Gl moved from Local.EncontrosCMI20041009Gl on 21 Oct 2006 - 20:14 by AlsteR - put it back
You are here: Local > ImcGaliza > CmiGalizaEncontrosCMI > CmiGalizaEncontrosCMI20041009Gl

to top

Copyright © 1999-2008 by the contributing authors.
All material on this collaboration platform is the property of the contributing authors.
Ideas, requests, problems regarding this tool? Send feedback (in English, Francais, Deutsch or Dutch).