<<< Volver a la página de Estado del CMI Galiza
Português (Galego) |
Galego (RAG) |
Español |
English|
A cuestión ortográfica
PENDENTE: PASAR ESTO A ESPAÑOL
Este documento trata de reflectir a experiéncia do CMI Galiza en torno ao conflicto que existe na sociedade galega sobre a maneira de grafar o seu idioma: o conflicto ortográfico do galego.
Sobre o conflicto ortográfico do galego
Galiza é o topónimo que identifica un área do noroeste da Península Ibérica (suroeste de Europa) situada entre o leste de España e o norte de Portugal. O topónimo foi evoluindo ao longo da súa história: coñecida polos gregos como kaleikoy (καλλαικoι), nome co que os seus habitantes se denominaban a sí mesmos, pasou a conformar a Gallaecia baixo a administración romana e posteriormente o Galleciae Regnum Suevorum, primeiro reino europeo independente de Roma. Alcanzou o seu esplendor cultural por volta do século XII coa lírica trovadoresca escrita nun romance medieval denominado galego-português derivado do latín con múltiples influencias históricas. A partires do século XV comeza un proceso denominado "Doma y Castración del Reyno de Galicia" iniciado polos Reis Católicos e que relegaría o seu uso ao nível oral nos estratos máis desfavorecidos da sociedade galega, continuando a evolución do seu rexistro culto parello á história de Portugal
No século XIX iníciase un proceso de recuperación da língua oral que comeza a ser grafada tomando como referencia a ortografía do español. Nesta ortografía se basearía a norma ortográfica que pasaría a ser oficial a finais do século XX nun proceso marcado pola falta de consenso entre as dúas doctrinas normativas:
- a reintegracionista, representada pola Associaçom Galega da Língua, que tomaba como referencia a ortografía do português, para reintegrar o galego no diasistema galego-portugues orixinario, e
- a isolacionista, representada pola Real Academia Galega que tomaba como referencia a ortografía do español, para representar unha língua que era considerada distinta do portugues.
Este disenso extenderíase á sociedade galega xenerando un conflicto lingüístico con implicacións políticas, económicas e sociais ademais das estrictamente académicas. Posteriormente foi promovida unha proposta intermedia denominada de Mínimos Reintegracionistas promovida pola
Asociación Socio-Pedagóxica Galega, que debido ao amplo apoio dos sectores máis activos da cultura e da política galegas acabou definindo unha reforma normativa que se produciría a principios do século XXI.
Se ben esta reforma conseguiría incrementar notablemente o grao de aceptación social da norma, o feito de continuar baseada na ortografía do español xunto coa progresiva popularización das teses reintegracionistas significouna como unha reforma necesaria pero non suficiente.
O conflicto ortográfico do galego no CMI Galiza
O CMI Galiza integrouse na rede Indymedia en abril de 2001. Dada a viruléncia do conflicto ortográfico e ante a falta de consenso sobre a norma, a
declaración de intencións proposta á rede manifestaba a nosa vontade de dar cabida a todas as normativas ortográficas, tanto na publicación aberta como na edición editorial. Esto creou un espazo de convivencia non exento de tensións que contribuiu a favorecer o fluxo de comunicación entre as distintas opcións normativas.
Pouco despois tería lugar aquela reforma ortográfica, ao tempo que o CMI Galiza iniciaba un proxecto transfronteirizo co CMI de Portugal co obxecto de poñer en andamento un
CMI Portugaliza conxunto. A decisión de migrar o CMS galego (MIR) para o portugués (Livre) favorecería unha maior presenza da grafía portuguesa, o que foi acollido positivamente polo movemento reintegracionista que comezaría a ter un maior protagonismo no traballo editorial. Esto non impediu que o traballo editorial continuara dando cabida ás distintas normativas do galego.
Como consecuéncia do consenso sobre os
textos fundacionais do CMI Portugaliza en maio, e tras unha posta en común sobre as
perguntas de IMC-Womyn acerca de integración da diversidade, o
o CMS galego foi modificado de tal forma que os textos da política editorial que estaban en galego pasaron a estar en portugués, e á inversa, o formulário de publicación que estaba en portugués foi adaptado para o galego. Estas modificións foron a porta de entrada en xuño de 2004 á
irrupción do conflicto lingüístico no CMI Galiza, que inmediatamente se extendeu dende as listas ao proxecto conxunto e á publicación aberta, con propostas de expulsións, cruce de acusacións personais e cuestionamento en xeral de todo o funcionamento do nodo, que entrou así nunha etapa de conflicto permanente e de completa incomunicación.
A solución a esta complexa situación chegou na forma dunha
iniciativa do colectivo portugués que decidiu non avanzar máis no proxecto conxunto até que a situación fora normalizada no CMI Galiza. A pesar disto o conflicto galego perpetuábase na lista conxunta, polo que en agosto acabou sendo
conxelada temporalmente á espera dun encontro que tería que celebrar o CMI galego para atopar unha saída á situación.
Finalmente
ese encontro produciríase en outubro despois de seren consensuados durante tres meses todos os aspectos do encontro, dende a necesidade de celebralo até os obxectivos e os temas a tratar, a data, hora e lugar do encontro.
Neste encontro, que tería lugar no contexto da incautación dos servidores Ahimsa por parte do F.B.I., acordouse dotar ao CMI Galiza dunha estructura multilíngüe con soporte para inglés, español, galego (RAG) e portugués (galego) sendo esta última a opción por defecto para a súa estructura, continuando ademais coa política de respeitar a escolla ortográfica das propostas tanto na publicación aberta coma nos destaques, editoriais e demais aportacións.
Os resultados deste encontro foron claramente positivos, restablecéndose a confianza entre os integrantes do nodo e demostrando que os consensos sempre son posíbeis cando existe vontade para explicar as próprias posturas mantendo unha receptividade ás posturas antagonistas. Ogallá as autoridades académicas que protagonizan o conflicto normativo do galego tomen exemplo da nosa experiéncia e pronto poidamos dar por solventado tamén o conflicto ortográfico na sociedade galega.
--
StrafWetBoek - 25 Oct 2004
--
StrafWetBoek - 25 Oct 2004
--
StrafWetBoek - 25 Oct 2004
to top